Chandragupta Maurya (en sánscrito devanágari: चन्द्रगुप्त मौर्य Candragupta Maurya), ás veces citado simplemente como Chandragupta, nado arredor de 340 a.C. e finado arredor de 298 a.C., foi un rei da India entre o 320 e o 298 a.C., aproximadamente, fundador do Imperio Maurya. Chandragupta logrou unificar a maior parte do territorio do subcontinente indio, polo que é considerado o primeiro emperador auténtico da India. Nos textos estranxeiros en grego e latín, é coñecido como Sandrokyptos (Σανδρόκυπτος), Sandrácoto, Sandrokottos (Σανδρόκοττος) ou Androcottus. Despois de depor o rei Mahapadma Nanda de Magadha, dominou gran parte do norte da India, creando o primeiro grande imperio indio, que logo foi estendido polo seu fillo Bindusara e o seu neto Aśoka. Crese que combateu a Alexandre o Grande cando este invadiu o norte da India. Tamén loitou contra Seleuco I (c. 304 a.C.), logrando o control total de Beluchistán e Afganistán.
Developed by StudentB